Spacer
ESTREA DO DOCUMENTAL “MURMURIOS DE SILENCIO

Onte con motivo do dia da muller rural, presentouse no Pazo do Bidueiro o documental Murmurios de Silencio, facendo fincapé a violencia de xénero nas aldeas e nos pobos rurais, fío argumental deste impáctante e sobrecolledor traballo.
A cantante e artista local Tania Veiras e o xornalista Pablo Quinteiro foron os encargados de presentar o evento que contou coa presenza da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; o secretario Xeral AGADER, Severino Álvarez Monteserín; o subdirector da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Javier Blanco Carballal; a presidenta da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, Susana García; o presidente da Asociación de Desenvolvemento da Comarca de Ordes e alcalde de Mesía, Mariano Iglesias Castro; alcaldes e concelleiros dos  concellos  de Ordes, Cerceda, Mesía Trazo, Tordoia, Oroso e Frades;  membros da Xunta Directiva de ASDECOMOR entre outros representantes da vida social da comarca.
O proxecto, de carácter testemuñal, ofrece o relato de dez mulleres da comarca de Ordes, residentes no eido rural. Vítimas dos malos tratos, todas falan abertamente dos seus casos particulares describindo dramáticas situacións da violencia sufrida a nivel psicolóxico, sexual, económico etc. Finalmente, explícase o xeito no que viviron os cambios e como afrontan o futuro, tanto cos aspectos positivos como negativos.
Xa dende a media mañá moitos dos colexios e institutos (aqueles onde se imparte secundaria) proxectaron simultaneamente a cinta, que foi vista por centos de alumnos e alumnas e decenas de profesores, profesoras e cadros directivos dos centros. Dende onte mesmo, e ao longo das vindeiras semanas, todo este alumnado traballará conxuntamente con psicólogos e educadores profesionais sobre o tema da violencia de xénero mediante a realización de mesas redondas, coloquios e debates. Ademais, tamén está previsto que este traballo se proxecte en diversas sesións polos distintos concellos da comarca. Susana García, viceperesidenta do GDR “ASDECOMOR” e presidenta da Mancomunidade de Ordes, achegouse ata o IES Nº 1 de Ordes para compartir o momento co alumnado e calibrar as primeiras reaccións.
Murmurios de silencio conta co financiamento da Secretaría Xeral de Igualdade e está promovido pola Asociación de Desenvolvemento da Comarca de Ordes (ASDECOMOR), en estreita colaboración co Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Ordes. Tamén hai que destacar a participación da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), do Fondo Social Europeo, da Asociación de GDR de Galicia, e a do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.  
Pódese ver o resumo en imaxes da presentación no seguinte link:  https://vimeo.com/366871233