Spacer
30 aniversario do programa LEADER en Galicia

O GDR “Asociación de Desenvolvemento Comarca de Ordes” estivo representado onte no 30 aniversario do programa LEADER en Galicia, coa presencia do seu Presidente, Mariano Iglesias Castro e o Xerente do GDR, Domingo Lojo Caamaño.

No acto de conmemoración do 30 aniversario do devandito programa, no que o Presidente da Xunta, Alfonso Rueda estivo acompañado do conselleiro do Medio Rural, José González, o titular do Goberno galego puxo en valor a filosofía do Leader, cun enfoque “de abaixo cara a arriba” que garante a participación activa dos principais axentes locais e que aposta pola cooperación entre entidades de diferentes eidos e as administracións.

O programa Leader, financiado con fondos públicos e privados, permitiu nestes 30 anos apoiar uns 7.300 proxectos que mobilizaron máis de 930 millóns de euros, así como consolidar case 6.000 empregos e crear máis de 5.000 novos. No último período de execución (2014-2020) aprobáronse case 1.500 proxectos que contaron con máis de 71 millóns de euros en axudas públicas e mantiveron ou crearon máis de 4.200 postos de traballo.

Nos bos resultados deste programa tiveron moito que ver os 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia, aos que o Presidente da Xunta de Galicia agradeceu o seu compromiso, traballo e profesionalidade á hora de contribuír decisivamente na creación de riqueza e emprego no rural.

Coa mirada posta na vindeira convocatoria, recentemente publicáronse as bases reguladoras correspondentes ao proceso para a selección de GDRs no marco do Leader en Galicia no próximo período 2023 - 2027.

A por outros 30 anos máis apoiando ao medio rural!!