:: ASDECOMOR :: Asociación de Desenvolvemento Comarca de Ordes


ASDECOMORASDECOMORASDECOMORASDECOMORASDECOMORASDECOMORASDECOMORASDECOMOR

Programa de desenvolvemento

OBXECTIVOS

A característica mais significativa desta Comarca é a súa ruralidade territorial e social, polo que o desenvolvemento rural cobra unha importancia específica para facer fronte os desequilibrios internos pola concentración do crecemento en áreas metropolitanas e o abandono, que sofre o resto do territorio. A loita contra a perda continua da poboación nos Concellos rurais, e a necesidade de recuperar actividades de altos valores naturais e culturais asociados, debe definir o eixo da estratexia. Para elo deben combinarse varios elementos que repercutan no crecemento económico e benestar social baseándonos na posta en valor dos recursos endóxenos preservándoos a longo prazo.

O medio ambiente e a igualdade de oportunidades son obxectivos transversais aplicados a tódolos puntos do programa, así como a integración e incorporación de colectivos con distintos graos de disfuncionalidade.

As prioridades deste programa para coa Comarca de Ordes son as seguintes:

  • Contribuír á xeración de rendas dignas para os habitantes da comarca.
  • Fomento de proxectos asociativos e cooperativos.
  • Incremento do valor engadido das cadeas agroalimentarias e forestais, mediante o fomento de produccións de calidade e do pechamento dos ciclos productivos, e a aposta pola agricultura ecolóxica.
  • Innovación tecnolóxica.
  • Valorización das superficies do monte.
  • Xeración de novas oportunidades de emprego, en actividades actualmente demandadas socialmente e que permitan o fixamento da poboación e o incremento do nivel de renda.
  • Mellora das condicións de vida das áreas rurais respecto as áreas urbanas.

A determinación dos obxectivos finais e intermedios do PDR da Comarca de Ordes baséase nas directrices comunitarias e estatais e no propio PDR de Galiza para o período 2007-2013.

OBXECTIVOS FINAIS

Obxectivos finais:

  • OF1. Dinamización do sector agroalimentario e forestal
  • OF2. Fomentar un sector agrario e forestal multifuncional e sostíbel: Mellora do medio ambiente e do contorno rural.
  • OF3. Mellorar a calidade de vida e a economía das zonas rurais: Diversificación da economía rural.
  • OF4. Fomentar a gobernanza nas zonas rurais

Obxectivo final 1: Dinamización do sector agroalimentario e forestal

Este obxectivo descomponse nos seguintes obxectivos intermedios:

  • OI1. Fomentar a innovación e a implementación de novas técnicas de producción.
  • OI2. Fomentar a calidade da producción agraria.
  • OI3. Fomentar o uso sostíbel das terras agrarias e forestais

Apóstase pola obtención de produtos agrarios e forestais de calidade, perseguindo asemade unha mellora das canles de comercialización, adaptando a oferta en materia de calidade, trazabilidade e seguridade. Así mesmo, o apoio ás empresas agroalimentarias e de transformación forestal desempeñará un importante papel en termos de xeración de emprego e renda nas zonas rurais e, por tanto, incidirá na fixación de poboación.

Preténdese darlle apoio ao sector agrario galego pola vía da calidade. Así mesmo, apoiaranse as explotacións ou cooperativas que opten por unha vía de transformación e comercialización directa dos seus produtos. En todo caso, daráselles prioridade os aspectos relacionados coa innovación tecnolóxica e a aplicación de I+D+i.

Fomento de métodos de produción máis respectuosos co ambiente, como é o caso da agricultura ecolóxica.

Por último, o logro deste obxectivo final implica a posta en marcha dun proceso de valorización -segundo criterios de ordenación, de aposta por madeiras de calidade e de aproveitamento multifuncional do monte- das superficies forestais infrautilizadas cun dobre obxectivo: por un lado, obter un rendemento destes espazos que contribúa a incrementar a renda das áreas rurais; por outro lado, contribuír a reducir os danos ambientais ocasionados polo proceso de abandono.

Obxectivo final 2. Fomentar un sector agrario e forestal multifuncional e sostíbel: Mellora do medio ambiente e do contorno rural.

Este obxectivo final descomponse nos seguintes obxectivos intermedios:

  • OI4. Conservar e valorizar o patrimonio natural e o contorno rural.

Actuarase no sentido de fomentar a compatibilidade entre as actividades agroforestais e a preservación de hábitats e especies de interese para a conservación da biodiversidade. Ademais, perséguese a sensibilización en cuestións ambientais, en particular da poboación rural que reside en áreas de alto valor natural.

Dentro deste obxectivo sitúanse tamén unha serie de actuacións que teñen por obxecto previr e loitar contra os incendios forestais poñendo freo ó proceso do abandono que sofren as áreas rurais, baixo este obxectivo preténdese poñer enmarcha accións preventivas, con incidencia a curto prazo.

Obxectivo final 3. Mellorar a calidade de vida e a economía das zonas rurais. Diversificación da economía rural.

A consecución deste terceiro obxectivo final implica tanto o aumento da renda e a creación de emprego nas zonas rurais, como a mellora da calidade de vida da poboación residente, aumentando a capacidade de acollida do territorio deinvestimentos produtivos.

Precísase unha diversificación da economía rural para mellorar as rendas e as condicións de vida dos habitantes do mundo rural, creando pequenas unidades de produción que consoliden novas actividades sectoriais e contribúan á creación dun tecido empresarial dinámico.

A mellora das condicións de vida dos residentes en zonas rurais, tanto no sentido de mellorar as infraestruturas nas áreas rurais como de fomentar a implantación e a mellora dos servizos básicos demandados pola poboación.

A consecución deste obxectivo permitirá progresar en favor dunha maior fixación da poboación nas zonas rurais.

Obxectivo final 4. Fomentar a gobernanza nas zonas rurais

Os obxectivos que se pretenden acadar son:

  • Garantir o funcionamento democrático e incrementar a representatividade social na composición do Grupo de Desenvolvemento Rural.
  • Darlle prioridade ao papel de dinamización social do Grupo.
  • Asegurar unha maior participación das mulleres e mozos/as, a través das súas asociacións, nas estrutura de dirección do GDR.

OS OBXECTIVOS ESPECÍFICOS

A través do exposto previamente, podemos deducir unha serie de obxectivos específicos asociados a cada obxectivo intermedio. Estes obxectivos permiten conectar as directrices comunitarias, estatais e autonómicas coas debilidades e fortalezas da comarca, así como coas ameazas e oportunidades detectadas no diagnóstico levado a cabo.

OI1. Fomentar a innovación e a implementaciòn novas técnicas de producción.

  • OE1. Aumentar o valor engadido das cadeas agroalimentarias e forestais
  • OE2. Apoiar o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías
  • OE3. Mellorar as canles de comercialización de produtos agrarios
  • OE4. Apoio as novas tecnoloxías.

OI2. Fomentar a calidade da produción agraria

  • OE5. Fomentar a valorización dos espazos forestais
  • OE6. Fomentar a produción ecolóxica
  • OE7. Potenciar o asociacionismo agroalimentario.
  • OE8. Aumentar a participación en réximes de calidade
  • OE9. Apoiar a adaptación de explotacións e producións aos novos estándares e esixencias de calidade

OI3. Fomentar o uso sostíbel das terras agrarias

  • OE10. Conservar e valorizar as zonas de alto valor natural e zonas agrarias desfavorecidas
  • OE11. Apoiar o restabelecemento do potencial silvícola das superficies afectadas por incendios

OI4. Conservar e valorizar o patrimonio natural e o contorno rural.

  • OE12. Mellorar as condicións de protección, conservación e xestión do ámbito natural
  • OE13. Mellorar a ordenación e a capacidade de defensa dos espazos forestais,especialmente fronte aos incendios forestais
  • OE14. Conservar e mellorar a biodiversidade e outros sistemas ambientais asociados aos ecosistemas agrarios

OF3. Mellorar a calidade de vida e a economía das zonas rurais.

  • OE15. Mellorar o acceso a servizos básicos nas zonas rurais
  • OE16. Mellorar o acceso ás novas tecnoloxías (TIC) no medio rural
  • OE17. Conservar e mellorar o patrimonio rural
  • OE18. Favorecer a creación de actividades produtivas non agrarias nas zonas rurais.

OF4. Fomentar a gobernanza nas zonas rurais

  • OE19. Mellorar a representatividade, transparencia e eficacia do GDR.
  • OE20. Mellorar a capacidade de dinamización do desenvolvemento local
  • OE21. Aplicar o enfoque territorial nas estratexias de desenvolvemento local.

LIÑAS DE ACTUACIÓN

Partindo do diagnóstico estratéxico da zona, na cal temos identificado os principais “obstáculos” e as principais “potencialidades” aproveitables para lograr o desenvolvemento económico da Comarca de Ordes, ocupámonos agora da confrontación dos anteriores cos requisitos necesarios para conquerir o desenvolvemento de calquera territorio, e de ambos, cos aspectos que dende o documento PDR de Galiza 2007-2013 poden ser auxiliados directa ou indirectamente polo devandito programa para, da súa combinación, obter a definición dos eixes estratéxicos vertebradores ou federadores nos que se apoiará o proceso de desenvolvemento da Comarca.

Deste proceso de cruce de datos dedúcese que o proceso de cambio da Comarca de Ordes terá que estructurarse nunha combinación sinérxica dos distintos eixes de intervención propostos no documento PDR de Galiza (2007-2013) sendo as definicións conceptual dos devanditos eixes as seguintes:

  1. AUMENTO DA COMPETITIVIDADE DO SECTOR AGRARIO E FORESTAL a través das distintas medidas que atendan á valorización dos productos locais de calidade (grelos e queique de Ordes, queixo da Comarca, leite frita de Frades, troita de Oroso, etc.,) apoiando tanto a súa transformación como a súa comercialización; a recuperación de variedades tradicionais; a mellora enerxética das explotacións agrarias e a aplicación das TIC nas mesmas.

    Este eixe recolle unha serie de actuacións dirixidas fundamentalmente á mellora e reorientación dos sistemas productivos, ao incremento do valor engadido das produccións agrarias e forestais e ao desenvolvemento da capacidade de innovación e da calidade das cadeas agroalimentaria e forestal.

    Destacamos neste eixe os seguintes grupos de actuación:

    1. Apoio a investimentos das explotacións agrarias e outras accións innovadoras no ámbito agrario.

      Obxectivo: conseguir iniciar un proceso de innovación nas explotacións agrarias que lle permitan competir no contexto europeo.

      Principais accións subvencionables serán:

      1. Investimentos en explotacións agrarias que melloren o seu rendemento global, con especial incidencia na introducción de novas tecnoloxías e proceso e no uso ddas enerxías alternativas das empresas do territorio.
      2. Proxectos de recuperación de variedades tradicionais.
      3. Proxectos de explotacións en extensivo, e con sistemas de producción respectuosas co medio ambiente (agricultura ecolóxica).
      4. Accións encamiñadas á mellora da calidade dos productos.
      5. Fomento de formas e fórmulas asociativas.
    2. Apoio á industria agroalimentaria e fomento dos productos de calidade.

      Obxectivo: Obtención de productos agrarios de calidade e valorización e promoción dos mesmos, mellorando, así mesmo das canles de comercialización.

      Principais accións subvencionables:

      1. Proxectos que desenvolvan novos produtos, procesos ou tecnoloxías.
      2. Proxectos de promoción e valorización dos productos locais.
      3. Proxectos de comercialización conxunta dos produtos do territorio.
      4. Apoio á promoción de canles curtas de comercialización.
      5. Accións dirixidas a mellorar os procesos de transformación e comercialización.
    3. Aproveitamento multifuncional das terras de monte.

      Obxectivo: Valorización das superficies forestais na súa triple función (económica, social e ambiental).

      Principais accións subvencionables:

      1. Proxectos de transformación e/ou comercialización de produtos forestais.
      2. Proxectos de posta en valor das superficies dos montes: fomento de sistemas agrosilvopastoris e desenvolvemento de plans de xestión forestal.
  2. MELLORA DO MEDIO AMBIENTE E DO MEDIO RURAL a través de investimentos que procuren a reducción do impacto ambiental nos procesos productivos nas explotacións agropecuarias; racionalización do uso da auga e da enerxía; acometida de proxectos piloto de correccións medio ambientais; investimentos destinados á certificación ambiental para diminuír o seu impacto ambiental e outras dirixidas a incentivar a conversión de residuos en subproductos reutilizables co obxecto de promover unha valoración integral, - medioambiental, turística e arquitectónica dos Lugares de Interese Comunitario ao carón do Río Tambre.

    Este eixe comprende actuacións dirixidas á conservación da biodiversidade, fomento de métodos de producción compatibeis coa protección do entorno e á promoción da sostibilidade teritorial.

    Destacamos neste eixe os seguintes grupos de actuación:

    • Sostibilidade territorial.

      Obxectivo: Incidir nos procesos de conservación do medio ambiente natural.

      Principais accións subvencionables:

      1. Xestión de resíduos e campañas de sensibilización e educación ambiental.
      2. Fomento da planificación, seguimento e participación social municipal e comarcal. Mecanismos de seguimento da Axenda 21 realizada no territorio (foros, observatorio de sostibilidade, indicadores).
    • Intervencións en torno ao patrimonio natural.

      Obxectivo: Lograr a conservación da biodiversidade e do medio natural.

      Principais accións subvencionables:

      • Posta en valor de zonas de interese natural, paseos fluviais, etc.
      • Desenvolvemento dos espazos protexidos (actividades de conservación do Río Tambre (LIC), promoción da participación social, etc.
  3. MELLORA NA CALIDADE DE VIDA E DIVERSIFICACIÓN DA ECONOMÍA DA COMARCA mediante a creación e desenvolvemento de microempresas; a prestación de servizos básicos para a economía e a poboación (centros de día, axuda a domicilio, etc.); o fomento de actividades de turismo (actividades complementarias ao turismo rural,...); e actuacións horizontais que tendan a implantar un sistema de calidade na hostalería e no pequeno comercio.

    O obxectivo xeral das actuacións englobadas neste eixe presenta unha doble vertente: por un lado, a diversificación económica e o incremento das rendas da poboación da comarca, e, por outro lado, a mellora das condicións de vida dos habitantes da comarca.

    Destacamos neste eixe os seguintes grupos de actuación:

    1. Diversificación da económia rural.

      Este grupo de actuacións engloba os seguintes subgrupos:

      1. Desenvolvemento das Pemes do territorio.

        • - Apoio a novas iniciativas empresariais.

          • Novos proxectos empresariais dinamizadores da comarca.
          • Accións de apoio á dinamización e diversificación do tecido empresarial do territorio.
        • - Mellora da capacidade de innovación do territorio.

          • Accións de implantación, difusión e ampliación das novas tecnoloxías da información (NTI) e do uso das enerxías alternativas.
          • Web de productos e empresas da comarca.
        • - Valorización de coñecementos e productos.

          • Proxectos de recuperación e impulso de actividades artesanais vinculadas ao territorio.
          • Actuacións de apoio ó desenvolvemento do comercio local do territorio.
      2. Desenvolvemento do potencial turístico.

        • - Servizos de apoio, de promoción e comercialización.

          • Creación e consolidación de entidades que presten servizos de información e asesoramento turístico, estruturación, promoción e comercialización da oferta territorial (paquetes turísticos).
          • Creación dun observatorio turístico que se encargue da promoción, da centralización da xestión dos centros de interpretación, museos, coleccións visitables, rutas de sendeiros, etc da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes.
        • - Mellora da oferta de aloxamentos, restauración e da oferta complementaria de servizos turísticos.

          • Creación da rede de aloxamentos temáticos “Comarca de Ordes”.
          • Implantación de sistemas de calidade en aloxamentos.
          • Creación dunha marca comarcal de restaurantes e produtos locais.
          • Actuacións encamiñadas a relacionar a oferta gastronómica cos productos locais.
          • Apoio a iniciativas que oferten servizos de carácter ludico e deportivo.
          • Creación de centros de interpretación e promoción que dean a coñecer a cultura e historia do territorio.
          • Deseño e implementación dunha rede de sendeiros. Homologación e mantemento dos mesmos.
          • Apoio a proxectos de investimentos do sector turístico incluidos os relacionados coa oferta complementaria (rutas a cabalo, empresas de ocio, centros de información turística, etc.)
    2. Mellora da calidade de vida da comarca.

      Este grupo de actuacións engloba os seguintes subgrupos:

      1. - Dotación e mellora das TIC no territorio.

        • - Promoción ó acceso á sociedade da información (internet).

          • Novos proxectos empresariais dinamizadores da comarca que incorporen elementos de fomento das TICs.
          • Proxectos de infraestructuras que permitan o acceso as TICs (rede wimax, etc.).
        • - Reforzar o nivel de capacitación da poboacion para o manexo das TIC.

          • Accións formativas no campo das Novas Tecnoloxías da Información.
      2. - Atención a colectivos de persoas con dificultades de insercion social ou de incorporación ó mercado de traballo.

        Servizos de apoio a este tipo de colectivos.

        • Fomento de actividades complementarias para persoas con discapacidade.
        • Reforzo da interación das persoas dependentes para a compatibilización da súa vida persoal, familiar e laboral.
        • Accións que presten unha especial atención ás necesidades dos colectivos máis vulnerables (maiores, mulleres e nenos).
        • Actuacións tendentes a atender, de xeito integral, as necesidades e problemáticas das persoas, fundamentalmente no ámbito da asistencia social, mediante a creación de infraestructuras e servizos adecuados (centros de día, vivendas tuteladas, garderías, xeriátricos, etc.).
      3. - Conservación e mellora dos valores patrimoniais do territorio..

        • Circuito temático “Museos e coleccións visitables da Comarca de Ordes”.
        • Proxectos que supoñan a conservación e/ou mellora do patrimonio histórico – artístico, cultural, etc, así como o patrimonio menor (cruceiros, muiños) mediante investimentos, estudos, catalogación e posta en valor do mesmo.
        • Proxectos relacionados coa memoria oral e o patrimonio inmaterial.
        • Intervencións en torno ó patrimonio industrial (aúlas de reciclaxe, museo da minería, etc.)
        • Actuacións encamiñadas á renovación e desenvolvemento de pobos e á protección e conservación do patrimonio rural.
        • Fomento de actividades relacionadas coa artesanía.
  4. FOMENTO DA GOBERNANZA DA COMARCA, a través da vertebración e dinamización social da mesma.

    Este eixe comprende actuacións dirixidas á participación activa da sociedade no desenvolemento sociocultural do territorio, a promoción e creacion de sinerxias e o intercambio de experiencias entre os municipos do territorio, e o fomento do espírito solidario da cidadanía e a súa participación na toma de decisións.

    Comprendería, entre outras, as seguintes accións:

    1. Actuacións encamiñadas á implicación da poboación no desenvolvemento do entorno no que habita.
    2. Accións participativas que fomenten unha maior identificación co territorio entre os seus habitantes.
    3. Actuacións que aseguren unha maior participación das mulleres e os mozos/as nos distintos procesos de toma de decisións.

Documentos



Galería

Ver máis
  • 8
  • 1
  • 6
  • 5
  • 9
  • 10
  • 4
  • 2
  • 3

  • Agader
  • Xunta de Galicia
  • Leader
  • Feader
  • Ministerio de Medio Ambiente

Asociación de Desenvolvemento Comarca de Ordes

  • Oficina Comarcal Xunta de Galicia
  • Rúa Galicia, s/n
  • 15680 Ordes